Sementares
Sementares é unha produtora de sementes multi-especies que aposta por recuperar un produto de calidade, priorizando características como o valor nutricional e organoléptico das variedades tradicionais. Colabora cos agricultores galegos, analizando a rastrexabilidade e rexistrando variedades autóctonas a partir do material parental conservado nos bancos de Germoplasma de Galicia.
A través dun xogo cromático identifícanse as diferentes sementes e destacan nas estanterías das tendas especializadas en horticultura. Todo o deseño expresa, tamén, a personalidade da marca, resaltando o seu carácter de I+D e inspirándose nos envases farmacéuticos, pero sen perder o atractivo e a cercanía dun produto agroalimentario.
O deseño, aplicouse tamén a envoltorios que normalmente reciben pouco valor e coidado, como os sacos para a sementeira de patacas. Este produto necesita respirar, polo que se utiliza xute, un material difícil de imprimir. Por iso, foi necesario aplicar a marca de forma diferente pero sen perder a súa identidade.
Tanto a marca, como o packaging, mostran o aspecto de empresa produtora de innovación que busca calidade certificada, sen renunciar a comunicar unha imaxe amigable e próxima do produto. Para iso, creouse unha marca que desde a propia tipografía expresa un forte vínculo coas sementes e cos surcos da terra, deseñándose unha tipografía San Serif específica, con remates redondeados que facilitan esa proximidade.
O reto foi conseguir cores brillantes e chamativas utilizando sobres impresos en material bio-base, elaborado a partir de fibra de tomate (FSC C017135). Un dos problemas cos que nos atopamos foi que as máquinas de fabricación de sobres non están preparadas para este tipo de material, polo que foi necesario un complexo proceso de probas para adaptala a esa fibra. Este desafío implicou colaborar con diferentes especialistas para lograr un resultado óptimo que se percibe ao velo ou, ao coller os sobres na man.
Na web de Sementares podes ver todos os produtos que comercializa a marca.
Silver nos 2024 EUROPEAN DESIGN AWARDS 2024
Premio Nort, 2024
Premio LATAMPACK de Ouro ao mellor envase eco amigable
Selección CLAP 2023 en branding e packaging, como mellor sistema de identidade corporativa.